martes, 14 de xuño de 2016

Abono da plantación e estado actual

Onte mesmo (13 de xuño de 2016) abonouse todas as paulownias (vivas) da plantación con 150 gramos de abono 15-15-15 por planta. O abono realizouse cavando tres buratos arredor de cada árbore (a uns 20 centímetros dela e duns 10 centímetros de fondo) e repartindo o abono de forma máis ou menos uniforme. Despois tapáronse os buratos.

Aproveitouse tamén para limpar un pouco o terreo arredor das paulownias para eliminar a competencia e apartar raíces e anacos de madeira que quedaron detrás ao triturar a biomasa preexistente. Tamén se achaiou un pouco o terreo circundante, sobre todo os regos de plantación, que aínda están abertos. Todo isto levoulle algo menos de 2 horas a 3 persoas.


Respecto do estado actual da plantación a maior parte das paulownias teñen bo aspecto, agás algunhas que non parecen medrar e teñen un ton amarelo. A ver se podo ir pronto por alí e sacar unhas fotos, aínda que esta semana dan moita chuvia todos os días.

Ademais unha das paulownias, que hai menos de dúas semanas estaba verde e vizosa, apareceu rota e totalmente seca. Non creo que vaia rebrotar. En canto isto se confirme substituirase pola paulownia que se trouxo para a casa e que agora rebrota con forza.

Actualización: Acabo de publicar fotos do abonado na entrada Fotos da evolución.

Ningún comentario:

Publicar un comentario