mércores, 2 de maio de 2018

Abono da plantación

O día 30 de abril botóuselle abono ao pé de todas as paulownias. Non lembro como se chamaba pero non era nin 15-15-15 nin 8-24-16.
Parece ser que as paulownias xa están rebrotando despois de recepalas. As fotos son do 22 de abril.











Ademais teño outra paulownia nunha maceta, e este inverno botou unha flor:




martes, 20 de marzo de 2018

Paulownias recepadas

A comezos deste ano, non lembro cando, recepáronse todas as paulownias. Tampouco teño fotos.

domingo, 10 de setembro de 2017

Seguimento do diámetro das paulownias (I)

Hoxe medín os diámetros de todas as paulownias de seguimento. Lembremos cales era as seleccionadas para o seguimento:

Paulownias seleccionadas para o seguimento

As medidas tomadas dos diámetros das paulownias a unha altura duns 10 cm do chan son as seguintes (medidas en centímetros):

Día\Árbore A B C D E F G H I J K L M N
10 Set 2017
4,4
10,4
5,1
7,3
8,9
8,1
5,1
8
4,6
7,1
8,2
7,3
7,3
6,8


sábado, 9 de setembro de 2017

Diámetros das paulownias

Este ano non estiven medindo a altura das paulownias. O certo é que se medraron en altura medraron pouco, sobre todo comparado co ano pasado. Iso si, as paulownias ocupan máis superficie xa que botaron pólas cara aos lados e teñen moitas máis follas e máis pequenas que o ano pasado. O resultado é que os troncos engordaron.

Aínda así o feito de fresar no inverno estragou bastantes raíces e creo que iso afectou negativamente ao seu crecemento durante este ano. De feito bastantes das raíces botaron brotes. Ademais este ano o tempo estivo raro xa que no inverno non fixo moito frío nin choveu moito, e ata veu calor cedo, e despois na primavera viñeron xeadas tardías, e nin na primavera nin no verán tampouco choveu.

Así que hoxe collín un pé de rei e fun medir o diámetro de algunhas das paulownias a ver se este ano se pode recepar xa. As medidas están tomadas a uns 10 cm do chan, máis ou menos.


Diámetro da paulownia de seguimento A: 4,4 cm.

Diámetro da paulownia de seguimento B: 10,4 cm. Hai que ter en conta que xa era a que viña máis medrada ao plantar.

Diámetro da paulownia de seguimento C: 5,1 cm.

A paulownia de seguimento I ten un aspecto mellorable. A sombra e a competencia dos eucaliptos parece que non lle presta.

Porén o diámetro da paulownia de seguimento I non é para tirar foguetes: 4,6 cm.

A paulownia de seguimento N medrou bastante ao ancho.

Diámetro da paulownia de seguimento N: 6,8 cm.


Vista do centro da plantación. As paulownias que se ven terán entre 2,5 e 3 metros, a ollo.

Vista do bordo da plantación onde se ve que hai varias paulownias que non medraron case nada.

Ademais tamén fun medir a outra paulownia que plantei nunha leira próxima.

Diámetro da paulownia da outra leira: 6,4 cm.

Estado da paulownia da outra leira.

En xeral parece que as paulownias máis atrasadas están nos bordos da plantación, supoño que debido a que teñen máis competencia ou máis sombra. De feito a paulownia da que falaba na entrada anterior que tiña mala pinta parece que morreu, e estaba no bordo da plantación.

No tocante á maleza arredor das paulownias medraron herbas, toxos, silvas, codesos, a veces incluso rodeando ás paulownias a pesar de que cando se abonou se lle sacharon as herbas arredor daquelas paulownias que tiñan máis competencia.

A ver se máis cedo que tarde podo ir facer unha medición máis exhaustiva de todas as paulownias de seguimento, incluíndo diámetro dos troncos e a altura.

venres, 23 de xuño de 2017

Fotos do estado da plantación

Onte fun dar un paseo unha vez que as temperaturas tan altas que tivemos esta última semana baixaron a valores moderados e aproveitei para tirar unhas fotos:

Vista desde a esquina noroeste.

Vista ao través, desde o noroeste.

Vista da paulownia de seguimento B.

Xa hai follas dun tamaño considerable.

Este ano as paulownias teñen unha chea de follas e de pólas.

Esta é a única paulownia que ten mala pinta. Parece que os troncos secaron, pero rebrota no chan.

Vista dos brotes da paulownia.

Outra vista da plantación desde a pista.

Ultimamente as temperaturas estiveron moi altas e non choveu case nada. Ata en Portugal houbo un incendio devastador que matou a varias ducias de persoas. Durante as vindeiras semanas hei ir tomando máis fotos e medidas das paulownias.

martes, 20 de xuño de 2017

Abono

Entre maio e xuño abonouse a plantación con 150 gramos de 15-15-15 en cada paulownia. Non lembro as datas exactas.