martes, 28 de xuño de 2016

Fotos da evolución

Quedara de poñer algunhas fotos do progreso da plantación e do abonado. Estas son as fotos do abonado da paulownia que aparecera rota, están un chisco desenfocadas polas présas ao quitalas:

O brote seco tirado no chan (16 de xuño de 2016)

O que queda do talo. Parece que o roeron. O corte parece demasiado perfecto. Vese un pequeno brote (16 de xuño de 2016)

Caváronse 3 buratos de 10 cm de profundidade a uns 20 cm arredor e repartíronse 150 gramos de abono 15-15-15 (16 de xuño de 2016)

Cos buratos do abono tapados (16 de xuño de 2016)

Esta paulownia rebrotou. Seguimos sen taras (26 de xuño de 2016)


Agora as fotos da plantación, todas tiradas o 26 de xuño de 2016:

Esta paulownia era unha das últimas taras, non lembro cal. Está rebrotando con forza (26 de xuño de 2016)

Se non lembro mal, esta é a paulownia de seguimento A (26 de xuño de 2016)

Outra paulownia do rego máis ao oeste (26 de xuño de 2016)

Outra paulownia (26 de xuño de 2016)

Paulownia de seguimento C, protexida ao norte por penas e fieitos de 80 cm de altura (26 de xuño de 2016)

Paulownias do extremo norte. Destacan claramente (26 de xuño de 2016)

Mesmo lugar, mirando cara ao sur (26 de xuño de 2016)

Vista do noreste da plantación, desde o centro da leira (26 de xuño de 2016)

Panorámica do suroeste da plantación: fieitos e paulownias (26 de xuño de 2016)

Paulownia de seguimento C. Contraste con ser humano (26 de xuño de 2016)

Paulownia de seguimento B, en contraste con persoa (26 de xuño de 2016)

Paulownia de seguimento M. Ten follas de case 50 cm de ancho. Varias outras tamén teñen follas de máis de 40 cm (26 de xuño de 2016)

sábado, 25 de xuño de 2016

Seguimento do crecemento das paulownias (II)

Xa pasaron 15 días desde a primeira medición, así que como me entrou a curiosidade de saber canto medraron acabo de volver de medir as paulownias. Lembremos cales era as seleccionadas para o seguimento:

Paulownias seleccionadas para o seguimento

As medidas tomadas son as seguintes (medidas en centímetros), xunto coas da anterior xeira de medición:

Día/Árbore A B C D E F G H I J K L M N
10 Xuño 2016
65
105
65
9
18
66
26
24
31
35
8
29
36
47
25 Xuño 2016
87
116
92
17
35
70
35
35
34
38
16
47
46
86

Fotos e máis detalles quedan para outra entrada.

Actualización: Acabo de publicar fotos do estado da plantación na entrada Fotos da evolución.

martes, 14 de xuño de 2016

Abono da plantación e estado actual

Onte mesmo (13 de xuño de 2016) abonouse todas as paulownias (vivas) da plantación con 150 gramos de abono 15-15-15 por planta. O abono realizouse cavando tres buratos arredor de cada árbore (a uns 20 centímetros dela e duns 10 centímetros de fondo) e repartindo o abono de forma máis ou menos uniforme. Despois tapáronse os buratos.

Aproveitouse tamén para limpar un pouco o terreo arredor das paulownias para eliminar a competencia e apartar raíces e anacos de madeira que quedaron detrás ao triturar a biomasa preexistente. Tamén se achaiou un pouco o terreo circundante, sobre todo os regos de plantación, que aínda están abertos. Todo isto levoulle algo menos de 2 horas a 3 persoas.


Respecto do estado actual da plantación a maior parte das paulownias teñen bo aspecto, agás algunhas que non parecen medrar e teñen un ton amarelo. A ver se podo ir pronto por alí e sacar unhas fotos, aínda que esta semana dan moita chuvia todos os días.

Ademais unha das paulownias, que hai menos de dúas semanas estaba verde e vizosa, apareceu rota e totalmente seca. Non creo que vaia rebrotar. En canto isto se confirme substituirase pola paulownia que se trouxo para a casa e que agora rebrota con forza.

Actualización: Acabo de publicar fotos do abonado na entrada Fotos da evolución.

sábado, 11 de xuño de 2016

Seguimento do crecemento das paulownias (I)

Dado que vai ser complicado obter unha idea clara do crecemento das paulownias decidín escoller 14 delas de forma máis ou menos aleatoria por toda a leira para realizar un seguimento destas e así ter unhas cifras que permitan extrapolar o crecemento ao resto da plantación. Estas 14 paulownias teñen cada unha asignada unha letra e representan o 10% da plantación:

Paulownias seleccionadas para o seguimento

As primeiras medidas tomadas son as seguintes (medidas en centímetros):

Día/Árbore A B C D E F G H I J K L M N
10 Xuño 2016
65
105
65
9
18
66
26
24
31
35
8
29
36
47

A medida que pase o tempo iranse engadindo máis medidas á táboa. Tamén se irán publicando fotos mostrando o crecemento das árbores.

mércores, 1 de xuño de 2016

Sequoia Sempervirens: unha gran árbore

O de gran árbore é porque é unhas das árbores máis lonxevas (ata 1200-1800 anos, con algúns exemplares de idades superiores) e máis altas (ata 115 metros de altura) e grandes do mundo. É orixinaria da costa norte de California, de zonas cun clima semellante ao de Galicia.

O certo é que resulta relativamente difícil atopar información sobre o seu cultivo, coidados, tempo de corta, terreos axeitados, etc... razón pola cal aínda non estou seguro de se sería boa idea plantalas, ou cal podería ser o seu rendemento comparado con outras especies como por exemplo a paulownia.

Aínda que algunhas cousas si sei despois de remexer e atopar cousas.

Primeiro hai dúas especies que se coñecen como secuoia, aínda que realmente só unha delas o é. A Sequoia Sempervirens é a secuoia de verdade, a veces chamada Redwood ou Coast Redwood nos Estados Unidos debido á cor da súa madeira e a onde se atopa. A outra especie é a Sequoiadendron Giganteum tamén coñecida como secuoia xigante, tamén procedente de California, concretamente da zona de Serra Nevada. O seu nome en galego é sequoia, aínda que a veces emprégase incorrectamente secuoia ou incluso secuoya.

Outra das cousas que sei é que se fixeron algunhas plantacións experimentais en Galicia, e que hai árbores soltas plantadas en diversos lugares de Galicia, sobre todo en xardíns. Tamén coñezo dous viveiros que venden a planta en Galicia.

Pero vaiamos por partes. Primeiro unhas fotografías da plantación que visitei, situado en Fontao, concello de Foz, Galicia, xusto entre o río Ouro e a estrada que vai de Fazouro cara Valadouro.


Sequoia Sempervirens, co resto da plantación detrás. Bosque de ribeira do río Ouro ao fondo.

A mesma sequoia, esta vez enfocando a copa.

Follas de sequoia en primeiro plano, plantación detrás.

Detalle de tronco de Sequoia Sempervirens, con pólas secas saíndo do tronco.

Detalle das copas.

No medio da plantación. O marco de plantación inicial parece que era de 3x2,6 metros.

Plantación en Fontao, Foz. Apréciase a tona de ton vermello de algunhas das Sequoia Sempervirens. Vese a gran separación que hai aquí xa que parece que se cortaron varias filas intermedias de sequoias.

A plantación en contraste cunha persoa de 1,65 metros de altura. Sequoia seca tirada no chan. Estas dúas filas están separadas uns 7,8 metros, posiblemente se cortaron outras dúas filas que teoricamente debería haber entre elas.

Sequoia nova brotando na plantación. Ao fondo vese o bosque de ribeira do río Ouro. Vaca e cuxo á esquerda pacendo no prado debaixo da liña eléctrica. Aquí parece que están máis separadas debido a que faltan algunhas árbores.

Na plantación hai árbores cun perímetro de 2,15 metros, o que implica un diámetro duns 65 centimetros, incluíndo a casca.

Esta outra ten un perímetro superior a 2,5 metros, o que implica un diámetro duns 80 centimetros. O certo é que só medín as sequoias máis grandes que vin preto de min.

A plantación está xunto a unha liña eléctrica e non hai moito cortaron moitas das árbores ao "limpar". Aínda así algunhas rebrotan.

Medindo esa mesma sequoia sempervirens. A zona máis escura do centro é a durame, que debería ser vermella, como se ve nas estelas verticais do centro.

Resulta que tiña un diámetro de 67 centímetros (sen contar a casca). A árbore tería uns 23 anos no momento de cortala.

Toro obtido como resultado da "limpeza" dos operarios da liña eléctrica.

Usando unha man como referencia. Aquí vese mellor a cor vermella da durame.

En conxunto esta plantación parece que non é perfecta, xa que faltan filas enteiras, parece que houbo taras e ademais ten unha liña eléctrica ao lado. O marco de plantación de 3x2,6 parece moi pequeno para a maior parte das árbores agora que xa sobrepasaron os 20 anos, polo que supoño que para que sigan medrando a bo ritmo habería que rarear un pouco. As sequoias máis grandes parecían estar xunto a ocos onde faltaban outras sequoias ou filas enteiras. A parte con mellor aspecto é onde parece que desapareceron dúas filas enteiras deixando un oco de 7,8 metros e as filas que había antes xunto a elas deixaron medrar as copas tapando ese espacio que había entre elas e engordaron os seus troncos.

Tamén sei da existencia de máis plantacións experimentais por documentos como este documento onde hai unha táboa listando un total de 9 plantacións de Sequoia Sempervirens en Galicia. Neste outro documento hai máis detalles.

Este outro documento contén resultados das plantacións de Fontao (a das fotos de arriba) e Daneiro (creo que está no concello de Zas, A Coruña). Non sei como interpretalos.

Deixando as plantacións experimentais á parte, en Galicia hai máis bosques de secuoias como por exemplo o Bosque de Colón, un regalo do congreso dos Estados Unidos no que se plantaron no ano 1992 un total de 500 secuoias como conmemoración do 500 aniversario do descubrimento de América e que se publicitou erroneamente como o bosque de sequoias máis grande de Europa, cando hai un bosque de secuoias máis grande e máis antigo en Monte Cabezón, Cantabria.

Ademais tamén hai diversas árbores soltas en diferentes partes de Galicia, sobre todo en xardíns públicos ou de pazos.

Se queredes saber algo máis sobre as sequoias en xeral e en Galicia podedes consultar a presentación dispoñíbel en http://adelaleiro.com/v/Cat%C3%A1logo-de-descargas/Temas/Plantas/Adela/As-%C3%A1rbores--as-secuoias/1195.aspx ou a páxina da Wikipedia https://gl.wikipedia.org/wiki/Sequoia.

Por último, en Galicia sei de dous viveiros que venden Sequoia Sempervirens:
Descoñezo a procedencia das plantas que venden, e polo tanto a súa liñaxe xenética.

Por último unha foto dos dous exemplares de Sequoia Sempervirens que plantei en abril de 2016:

Unha das dúas sequoias (28 de maio). Parece que en abril se lle queimaron case todos os brotes. Esta sequoia carecía de brote apical.

A outra sequoia (28 de maio), con menos pólas pero con brote apical e sen queimaduras. Ten uns 15 cm de altura. Parece desenvolverse axeitadamente.





Substitución de tara e outra pequena plantación de sequoias e paulownia

Finalmente substituiuse esa paulownia que parecía totalmente morta, aínda que ao final parece que non era así. A paulownia substituíse por unha das dúas paulownias que merquei para substituír as taras e que plantara o 28 de maio noutra leira próxima.

A paulownia antes de substituíla (29 de maio). No momento de arrincala viuse que tiña un brote no pé.

Transplantouse o 30 de maio a unha maceta na casa para seguir a súa evolución. Vista do brote no pé (1 de xuño).

Plantando a nova paulownia (30 de maio). O burato anterior ancheouse e afondouse xa que a nova planta ten máis raíz.

A nova paulownia xa plantada (30 de maio). É máis grande e frondosa que as que hai no resto da plantación.

Desde outro ángulo (30 de maio).

Cunha persoa detrás (30 de maio).

Respecto das outras taras parece que xa brotan. Aínda que apareceu outra paulownia que parece que seca pola parte superior, seguramente se lle tocou ao sacharlle arredor, aínda que rebrota polo que non parece que vaia haber máis taras na plantación.

A outra paulownia dubidosa, das tres que había, finalmente botou un brote na base (1 de xuño).

Pero agora hai outra nova dubidosa (1 de xuño). Os brotes superiores secan.

Afortunadamente ten un brote na base (1 de xuño).

A outra paulownia que se mercou para substituír por algunha tara ao final tívose que plantar noutra leira debido a que non parece haber máis taras na plantación. Nesta leira xa tiña plantados en abril dous exemplares de Sequoia Sempervirens.

Vista da paulownia (á esquerda) e das dúas sequoias (entre cada par de paus). As árbores están separadas 4 metros unhas das outras e 2 metros da leira do veciño. A foto sacouse de moi lonxe para poder encadrar as tres árbores (28 de maio).

Vista da paulownia (28 de maio). Plantouse o 28 de maio.

Con persoa ao carón (28 de maio).

Unha das dúas sequoias (28 de maio). Parece que en abril se lle queimaron case todos os brotes. Esta sequoia carecía de brote apical.

A outra sequoia (28 de maio), con menos pólas pero con brote apical e sen queimaduras. Ten uns 15 cm de altura. Parece desenvolverse axeitadamente.

Hai máis información sobre a Sequoia Sempervirens na seguinte entrada.