xoves, 24 de marzo de 2016

Presentación

Acabo de crear este blog para recoller o progreso dun experimento que basicamente consiste en realizar unha plantación de Paulownias en Touro, A Coruña, Galicia.

Veño de adquirir as plantas (en total 140 paulownias COT2) e nos días e meses previos preparouse a leira na que se van plantar nos vindeiros días.

Este é o estado actual da leira onde vou plantar (3660 metros cadrados):

Vista desde a esquina noroeste mirando cara o leste. En primeiro plano a entrada da leira e mais alá as rochas que se retiraron da leira.

Vista desde a esquina noroeste mirando cara ao sur. Piñeiros ao leste, eucaliptos e piñeiros ao sur e carballos ao oeste.

Vista desde a pista da concentración ao norte da leira mirando cara ao sur.

Vista desde a pista na esquina norleste mirando cara ao suroeste. O marco é a esquina norleste da leira.

Vista desde a esquina norleste mirando cara ao oeste. A pista queda á dereita.

Vista desde a esquina norleste mirando cara ao sur.

Vista desde a esquina sueste mirando cara ao norte.


A leira está a unha altura de 295 metros sobre o nivel do mar, ten unha lixeira pendente e está orientada cara ao sur. Case todas as fotos están sacadas desde o lado norte, por onde pasa unha pista da concentración parcelaria. No lado sur hai uns eucaliptos e piñeiros duns 20 a 30 metros de altura que dan sombra no fondo da leira. No lado oeste hai unha plantación de piñeiros do país duns 5 a 10 metros de altura. Ao leste hai unha leira con carballos e algunha outra árbore, todas cunha altura de entre 5 e 10 metros.

A leira anteriormente tiña unha chea de carballos, moitos deles cativos e moi mestos. Tamén tiña varias ducias de piñeiros do país, algúns cun diámetro de máis de 20 cm. Había tamén unha ducia de espiños, catro ou cinco castiñeiros non moi grandes, dous ou tres bidueiros, algún salgueiro cativo, unha sobreira cativa. E entre todas as árbores había moitos toxos e silvas no lado norte, fieitos no centro e silvas e fieitos no lado sur.

A leira tal como estaba antes. Imaxe tirada do SIXPAC. Os límites non están exactamente onde se ven (a plantación de piñeiros do oeste non entra na miña leira).

A preparación consistiu en cortar todas as árbores e retirar a madeira (que se empregará para leña) unha vez separadas as pólas e as follas. Posteriormente retirouse a grava dun camiño que atravesaba a leira de norte a sur. A continuación triturouse toda a biomasa (toxos, silvas, pólas), arrincáronse as cañotas e trituraronse tamén. Tamén se nivelou un montículo de terra no lado norte que foi creado como resultado da apertura da pista da concentración hai anos, e creouse unha entrada á leira nunha esquina. Varias penas apartáronse ao lado norte. Tamén se fresou a terra, para posteriormente encalala con 270 kg de cal magnesiana e volveuse fresar. Estes preparativos previos remataron a finais de xaneiro de 2016.

O 23 de xaneiro abríronse 9 regos de norte a sur. Agora só queda plantar, pero iso queda para o próximo artigo.

1 comentario:

  1. son jesus amin pedironme o PH DE TERRA EN COTOVISA VALENCIA DONDE ME OFRECERONME TODO APOYO E INFORMACION
    GUSTARIAME SABER DONDE CONSIGUILSAEU TEÑO 11000 METROS E ESTOU INDECISO GRACIAS POR A INFORMACION

    ResponderEliminar